2021, Revista Aunios (O Grove)
Na parte occidental do océano tamén dez illas, chamadas Prateadas (cassitérides, ou da cor do estaño). Os graos de cuxa metade son 4 (Lonx. 4,0°) 45 ½ (Lat. 45,5°). Ademais dúas illas dos deuses (Douradas). Das cales a metade está en 4 ½ (Lonx. 4,7°) 43 ½ (Lat. 43,3°). Claudio Ptolomeo de Alexandría, Geographia. Esta é a tradución ao latín: Insulae uero adiacent Tarraconensi, in Cantabrico quidem Oceano, quae nominantur Trileuci scopuli tres. Quarum medium gradus habet 9 46 ½ ¼. In occidentali autem Oceano Insulae decem, Cattiderides dictae. Quarum medium gradus habet 4 45. Praeterea Deorum insulae duae. Quarum medium habet 4 ½ 43 ½. Claudii Ptolemaeii Alexandrini, Geographicae enarrationis. Desta maneira, Claudio Ptolomeo sitúa o arquipélago das Dez illas Cassitérides, illas do estaño, ou illas prateadas, entre as Tres Rochas Brancas, ou illas Sisargas, e as Dúas illas dos deuses, illas douradas, illas de Zeus ou illas Cíes. Naqueles tempos (época romana, metade do século II d.C.), xa se asociara o nome destas illas á Ruta do estaño, mineral que forma en aliaxe co cobre, nun forno de leña, o bronce. Non apareceron na zona noroccidental de Hispania, instalacións que fagan supoñer a existencia dunha industria asociada á explotación do estaño, mineral de baixa lei, do que debe separarse a mena da ganga, para realizar o transporte en barco, de forma que sexa rendible. O estaño é un mineral de escaso valor, cun baixo punto de fusión, e as minas, abundantes por todo o orbe, soen atoparse na proximidade do lugar no que se vai fundir co cobre, mineral máis escaso, e dun punto de fusión máis alto. A Ruta das illas cassitérides é un mito creado dende tempos aínda máis antigos, debido ao nome dado a estas dez illas que se atopaban na costa de Galicia, polos antigos navegantes gregos, asociado nun símil, a que ocupaban un nivel máis baixo no escalafón dos deuses, sendo máis acertado traducir o seu significado polo de illas da cor do estaño, é dicir, prateadas.