No tren

Esta semana volvín ao choio. Fixen o símil cun tren onde eu son o fogoneiro botando carbón sen parar e a oficina é a estación e os clientes son os pasaxeiros. Os pedidos serían as maletas dos pasaxeiros e os carretilleiros serían os mozos de carga. Outros serían o condutor do tren e o revisor. Nada, tolemias miñas.

Hai un novo que é frenético e non para de falar nin na ducha. Tamén empezou un rapaciño en mantemento e polo resto segue máis ou menos igual pero cunha nova aplicación para fichar e para mirar as nóminas que por suposto non funciona.

Eu leveino ben aínda que a primeira descarga que fixen na moega de correctores fíxena coa man esquerda e deume un estralazo. Para coller e levantar sacos a man vai ben pero para outras cousas está resentida. Terei que darlle tempo.

E de foto poño un gato que lle vou debuxar a unha compañeira no casco que o anterior casco sufriu un ‘accidente’.

Fracaso de entruido

Venres Xela quería ir ao instiruto cunha camisa branca e un sombreiro de exploradora do parque xurásico cun dinosaurio amarrado dun brazo pero non se atopaba mui ben e de feito botou practicamente toda a semana con momentos de febre, dor de barriga, diarrea e dor de cabeza. Fomos á pediatra e dixo que era un virus e que se se puña pior habería que levala ao Cunqueiro pero non foi a máis.

Onte sábado fun a Don Disfraz a ver se había máscara de Maduro porque tocaba este ano xa que o ano pasado fun de Trump; pero non había. Había unha de vello pero valía 50 euros e pareceume cara. Fun a outra tenda e merquei a máscara da foto por 3,50 euros e ía ir pola tarde pero me daba non sei que deixar a Xela na casa así que ao final non fun e creo que o martes dan mal tempo e ao final non sairei de meco a meterme coa xente. Supoño que quedará para o ano que vén.

Iso si, o Leo saiu cos amigos a Vigo e ía disfrazado de virachaquetas que levaba oito (si,oito!) camisolas de distintos clubes de fútbol enriba e foi descubríndoas unha a unha cada certo tempo.

E non acabou o entruido que mañá xa teño que disfrazarme de traballador que rematei as vacacións do ano pasado despois da baixa pola man. Foron tres meses en total sen traballar.

Non todo é chuvia

O sábado non foi día de chuvia e ata saiu o sol e descubrimos no xardín un merlo que está a facer o niño nunha sebe que temos. E onte domingo fomos mirar a película ‘Hamnet’ que trata da relación que tivo Shakespeare coa súa muller e os fillos e o drama que viviron coa morte do seu fillo.

E agora vou cheirar entroidos na interrede que non sei de que me vou disfrazar este ano.

Pasar páxina

Levaba tempo sen mirar a cervexa ‘Miña terra galega’ de Galician Brew e hoxe fun ata a fábrica que está no concello veciño. Alá fun por aqueles camiños estreitos e cheos de auga que o Leonardo anda por aquí. Timbrei na cancela e o único que me respondeu foi un can. Chamei por teléfono e unha muller xa me dixo que pechara a fábrica. O meu gozo nun pozo! Tamén A Rochiña estaba abandonada.

Toca pasar páxina.

Actualizando…que non é pouco

Estes son días de temporais. Na foto sai unha enchente en Ponteareas. Por aquí rebordou o Louro onda sempre, onda a casa dos Xeiteiro; como case todos os anos a finais de xaneiro.

E, falando de finais, rematou a miña baixa pero fun pola fábrica, collín o queixo que faltaba da cesta de Nadal e pedín as vacacións que non disfrutei do ano pasado así que non traballo a semana que vén e a ver a outra que son os Entruidos e hai xente que pediu vacacións.

E outra cousa que teño que contar é que temos sofá novo.

E a ver se remato de retirarlle o forro de plástico aos libros que seica é malo porque entran humidade e bechos polo celo.

Ingrid ataca

Este temporal de aire, ondas no mar, sarabia, chuvia e neve no interior deixou a Xela sen teatro que ía ir a Ponteareas coa xente do instituto. A min arrefríame as orellas que o outro día cortei o pelo e teño que lembrar cortalo en decembro para aforrar a suba de todos os anos. Iso si, eu non lle subo a propina para a filla do barbeiro. E algo bo tiña que ter o temporal que desfixo o favo de velutinas da foto de cando estaba enteiro.

Veciños novos

Haberá un par de meses ou menos que chegaron uns veciños novos á casa onde había okupas que xa marcharan hai tempo despois de chegar a un acordo monetario co banco dono da casa.

E hoxe chegou unha parella (non sei se teñen nenos) á casa do Aviador. Presentouse el e ela díxome o nome tamén pero xa esvaeceron no aire os nomes. Iso si, el tiña as uñas pintadas que foi ao partido do Celta.

Oxalá sexan boa xente e todo vaia ben.

Saíndo do normal

Onte fomos Naideleo mais eu ao balneario de Mondariz. Ela ten ciática e eu teño que reforzar a man esquerda. Así que estivemos dando voltas por esas auguiñas mornas con esas burbullas e chorros que reavivan un morto.

E hoxe despois de xantar fomos a Ramallosa para botar unha camiñada ata a praia de Ladeira con avóM e avoaM que lles prestou e gustoulles o sitio.

Hai que pasear e aproveitar os poucos días de bo tempo que hai no inverno

Empézache ben o ano…

As cousas empezaron mal na Suiza con ese incendio onde morreron máis de corenta persoas pero o peor foi o ataque de Estados Unidos contra Venezuela. De momento sabemos que non morreu ningún norteamericano pero en Venezuela non sabemos o número de mortos. Sábese que Nicolás Maduro e a muller van camiño dos EE.UU. para seren xulgados. O presidente dos EE.UU. di que van pór un goberno transitorio acordado coas compañías petrolíferas.

Non sei como rematarán os venezolanos, pero sei que o presidente norteamericano e algún máis vai tirar boa tallada deste asunto.

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar