Umberto Eco
Umberto Eco, nado en Alessandria (Piemonte) o 5 de xaneiro de 1932 e finado en Milán o 19 de febreiro de 2016, foi un profesor universitario e autor italiano de numerosos ensaios sobre semiótica, estética medieval, comunicación de masas, lingüística e filosofía, aínda que entre o grande público é coñecido especialmente polas súas novelas. Entre a súa produción literaria destacan O nome da rosa, de 1980, unha novela de misterio de ambientación histórica que combina a semiótica, a análise bíblica, o medievalismo e a teoría da literatura, así como Il pendolo di Foucault, de 1988, que explora temáticas similares.[1]
Eco foi un escritor prolífico cuxa produción inclúe literatura infantil, traducións do francés e do inglés, así como unha columna bimensual no xornal L'Espresso titulada "La Bustina di Minerva" (publicada entre 1985 e 2016). No momento do seu pasamento, era profesor emérito da Universidade de Boloña, onde ensinou gran parte da súa vida.[2] Durante o século XXI, gañou moita sona polo seu artigo "Urfascismo", de 1995, no que lista catorce características xerais das ideoloxías fascistas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Doutorouse en 1954 pola Universidade de Turín cunha tese sobre Santo Tomé de Aquino e a escolástica medieval. Traballou como profesor nas universidades de Turín, Florencia e Milán. Foi titular da cátedra de Semiótica e director da Escola superior de Humanidades da Universidade de Boloña; é secretario da Asociación Internacional de Semiótica, que cofundou en 1969. Interesouse polas vangardas (A obra aberta; Opera Aperta, 1962), a cultura popular contemporánea (Apocalípticos e integrados; Apocalittici e integrati, 1964), a semiótica (A estrutura ausente; La struttura assente, 1968, Tratado de semiótica xeral; Trattato di semiotica generale, 1975 - texto fundamental), a teoría de recepción (Lector in fabula, 1979) ou Os limites da interpretación (I limiti dell'interpretazione, 1990). No Tratado presenta a súa famosa definición de que o signo é "todo aquilo que pode ser usado para mentir".
Novelas
[editar | editar a fonte]A súa primeira novela, O nome da rosa (1980),[3] resultou un éxito de vendas e crítica a nivel mundial a pesar do seu contido denso en referencias e discusións eruditas. Nesta novela posmodernista, na que se mesturan o xénero policial, o histórico e o filosófico, un monxe investiga unha serie de asasinatos relacionados coa biblioteca dun mosteiro que se converte no centro de herexías e controversias relixiosas medievais. Foi levada ao cine en 1986 por Jean-Jacques Annaud. Na súa segunda novela, en 1988, Il pendolo di Foucault, (en galego, O Péndulo de Foucault) uns editores deciden inventar unha macro-conspiración, construída a partir de teorías conspirativas clásicas, co resultado imprevisto de que se ven atrapados polo que crían que era só ficción. En Baudolino (2000) mestura todos os mitos posíbeis do medievo tardío nunha procura que vai máis alá do mundo coñecido. La misteriosa fiamma della regina Loana (A misteriosa chama da raíña Loana) de 2005 é o bildungsroman dun rapaz italiano durante o fascismo narrado cando, maior xa, tenta recuperar a memoria da súa identidade tras un accidente que só lle permite lembrarse do que leu.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Thomson, Ian (20 de febreiro de 2016). "Umberto Eco obituary". The Guardian (en inglés). Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "Umberto Eco, 1932-2016". The Guardian (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2017.
- ↑ "O nome da rosa". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2022-01-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Umberto Eco |
- Escritores en lingua italiana
- Lingüistas de Italia
- Premios Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades
- Escritores de Italia
- Académicos da tradución
- Nados na provincia de Alessandria
- Nados en 1932
- Finados en 2016
- Profesores do Collège de France
- Doutores honoris causa pola Universidade de Burgos
- Doutores honoris causa pola Universidade Loyola de Chicago
- Doutores honoris causa pola Universidade Complutense de Madrid
- Novelistas de Italia