Slowdive é unha banda inglesa de shoegaze formada no ano 1989 en Reading. Estivo composta principalmente por Nick Chaplin (baixo), Rachel Goswell (voces, guitarra), Neil Halstead (voces, guitarra) e Christian Savill (guitarra). Varios baterías tocaron no grupo, incluídos Ian McCutcheon, Adrian Sell, e, o máis destacado Simon Scott, que tocou nos seus dous primeiros álbums e no último, homónimo da banda. Halstead é o seu principal compositor.
Goswell e Halstead coñecíanse xa dende a súa infancia en Reading, Berkshire, cando Goswell era unha seareira obsesiva de The Smiths. Scott deixou o grupo en 1994 e cando Savill e Chaplin marcharon despois do lanzamento de Pygmalion, os restantes membros cambiaron o nome do grupo para Mojave 3.
A banda reuniuse en 2014 anunciando que tocaría no festival Primavera Sound de Barcelona,[1] e publicou un álbum autotitulado en 2017, o primeiro en 22 anos. O seu quinto traballo de estudio, Everything Is Alive, apareceu no ano 2023 e converteuse no primeiro álbum de Slowdive no top 10, conseguíndoo en Alemaña, Bélxica, Nova Zelandia, os Países Baixos e o Reino Unido.
O xornalista musical Simon Reynolds escribiu que "Halstead estivo máis influenciado por Pink Floyd que polos Sex Pistols. As experiencias pop formativas de Slowdive inclúen grupos post-punk como The Cure e Siouxsie and the Banshees, cuxo enfoque artístico era máis próximo aos grupos progresivos dos anos 70 que ao minimalismo furioso do punk".[2] Halstead afirmou que Slowdive quería "crear algo grande e fermoso e, en certo xeito, atemporal".[2] Outros nomes que el e Goswell mencionaron foron David Bowie, The Byrds, The Rolling Stones, Cocteau Twins, My Bloody Valentine e o primeiro álbum de The Jesus and Mary Chain, Psychocandy (1985).[3] A banda favorita do baixista Nick Chaplin é The Cure, que tamén se manifestou na música de Slowdive.[4]