Saltar ao contido

Lingua grega

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lingua grega
ελληνικά Editar o valor en Wikidata
El-%CE%B5%CE%BB%CE%BB%CE%B7%CE%BD%CE%B9%CE%BA%CE%AC.oga pronuncia
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Nome orixinal
ελληνικά (el)
νέα ελληνικά‎ (el) Editar o valor en Wikidata
 Caracterizado por
Propiedades
 Número de falantes
13100000 (2019)
13156880 (2018)
13000000 Editar o valor en Wikidata
 Institución de normalización
 Tempo gramatical
 Xénero gramatical
 Estado de lingua da UNESCO
segura
Clasificación lingüística
Localización
 Orixinario de
 Mapas
Mapa de distribución
Códigos e identificadores
Freebase/m/0349s Editar o valor en Wikidata
IETFgrk Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC2994462464 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
BNE: XX1387174
Wikidata C:Commons

A lingua grega[1] (en grego moderno: ελληνικά, elliniká, e en grego antigo: Ἑλληνική, hellēnikḗ) é unha lingua indoeuropea, que constitúe unha rama helénica independente dentro da familia de linguas indoeuropeas. É orixinaria de Grecia, Chipre, Italia (en Calabria e Salento), o sur de Albania e outras rexións dos Balcáns, o Cáucaso, a costa do mar Negro, Asia Menor e o Mediterráneo oriental. Ten a historia documentada máis longa de calquera lingua indoeuropea, a cal abrangue 3 400 anos de rexistro escrito.[2] O seu sistema de escrita é o alfabeto grego, que foi usado durante 2 000 anos; anteriormente, utilizou sistemas de escrita como o lineal B e o silabario chipriota.[3] O alfabeto grego xurdiu do alfabeto fenicio, e á súa vez foi a base do alfabeto latino, cirílico, armenio, copto e gótico, entre outros sistemas de escrita.

A lingua grega ocupa un importante lugar na historia do mundo occidental.[4] Comezando cos poemas épicos de Homero, a literatura grega antiga inclúe moitas obras de importancia para o canon europeo. O grego tamén é a lingua de moitos textos fundacionais da ciencia e da filosofía. O Novo Testamento da Biblia cristiá tamén foi escrito en grego.[5][6] Xunto cos textos en latín e as tradicións do mundo romano, o estudo dos textos e da sociedade grega da antigüidade constitúen a disciplina dos estudos clásicos.

Durante a antigüidade, o grego era falado como lingua franca no mundo Mediterráneo. Posteriormente converteríase na lingua do Imperio Bizantino e evolucionou no grego medieval.[7] Na súa forma moderna, o grego é a lingua oficial de Grecia e Chipre, e é unha das 24 linguas oficiais da Unión Europea. É falado por, cando menos, 13,5 millóns de persoas en Grecia, Chipre, Italia, Albania, Turquía e pola diáspora grega.

As raíces lingüísticas gregas son empregadas a miúdo para crear novas palabras noutras linguas, e o grego e o latín son as fontes predominantes para o vocabulario científico internacional.

Artigo principal: Histora da lingua grega.
Historia da
lingua grega

(ver tamén: alfabeto grego)
Protogrego (c. –2000)
Micénico (c. -1600-1100)
Grego antigo (c. –800-300)
Dialectos:
Eolio, Arcadochipriota, Ático,
Dórico, Macedonio, Xónico
Koiné (desde c. -300)
Grego bizantino (c. -3301453)
Grego moderno (desde 1453)
Dialectos:
Capadocio, Chipriota,
Demótico, Griko, Katharevousa,
Póntico, Tsakonio, Ievánico

O grego foi falado na península dos Balcáns dende o terceiro milenio a.C.,[8] ou posiblemente mesmo antes.[9] A evidencia escrita máis antiga é unha táboa de barro en lineal B atopada en Mesenia e que data do 1450 ó 1350 a.C.,[10] convertendo o grego na lingua viva co rexistro histórico máis antigo. Entre as linguas indoeuropeas, a súa data do rexistro escrito máis antiga só coincide coas hoxe extintas linguas anatólicas.

Períodos

[editar | editar a fonte]
Área do protogrego de acordo do lingüista Vladimir I. Georgiev.

A historia da lingua grega divídese polo xeral nos seguintes períodos:

Distribución das variedades do grego en Anatolia, 1910. Demótico en amarelo. Póntico en laranxa. Grego capadocio en verde, cos puntos verdes sinalando as vilas gregas capadocias.[12]
  • Grego medieval, tamén coñecido como grego bizantino: a continuación do grego koiné ata a desaparición do Imperio Bizantino no século XV. O grego medieval é un termo que abrangue un continuo lingüístico de diferentes falas e estilos de escrita, as cales van dende as continuacións vernáculas do koiné falado que xa se estaban ahegando ó grego moderno en moitos aspectos, a formas moi aprendidas que imitan o ático clásico. Gran parte do grego escrito que se utilizou como lingua oficial do Imperio Bizantino era unha variedade ecléctica de termo medio baseada na tradición do koiné escrito.
  • Grego moderno (neohelénico):[13] A partir do grego medieval, os usos do grego moderno remóntanse ó período bizantino, xa no século XI. É o idioma empregado polos gregos modernos e, ademais do grego moderno estándar, abrangue varios dialectos.
Grego moderno Grego antigo
1 Στην αρχή ήταν ο Λόγος, και ο Λόγος ήταν μαζί με τον Θεό, και ο Λόγος ήταν Θεός. 1 Ἐν ἀρχῇ ἦν ὁ Λόγος, καὶ ὁ Λόγος ἦν πρὸς τὸν Θεόν, καὶ Θεὸς ἦν ὁ Λόγος.
/stin ar'çi 'itan o 'loɣos ke o 'loɣos 'itan ma'zi me ton θe'o ke o 'loɣos 'itan θe'os/ /en arkʰέì έὲn ho lógos kaí ho lógos έὲn prós tón tʰeón kaí tʰeón έὲn ho lógos/
2 Αυτός ήταν στην αρχή μαζί με τον Θεό. 2 Οὗτος ἦν ἐν ἀρχῇ πρὸς τὸν Θεόν.
/af'tos 'itan stin ar'çi me ton θe'o/ /hóòtos έὲn en arkʰέì prós tón tʰeon/
1 Ao principio era o Verbo e o Verbo era Deus.
2 Estaba ao principio con Deus.
Artigo principal: Cuestión lingüística grega.

Na era moderna, a lingua grega entrou nun estado de diglosia: a coexistencia de formas escritas vernáculas e arcaizantes da lingua. O que chegou a coñecerse como a cuestión lingüística grega foi unha polarización entre dúas variedades competidoras do grego moderno: o demótico, a forma vernácula do grego moderno, e o katharevousa, que quere dicir 'purificado', unha variedade a medio camiño entre o demótico e o grego antigo que foi desenvolvida no século XIX e que foi usado na literatura e con motivos oficiais polo novo estado grego. En 1976, o demótico foi declarado a lingua oficial de Grecia, logo de ter incorporado trazos do katharevousa e de crearse o grego moderno estándar, o cal é o usado de maneira oficial polo estado e na educación.[14]

Unidade histórica

[editar | editar a fonte]
Distribución das principais áreas dialectais do grego moderno.

A unidade histórica e a continuidade da identidade lingüística entre os diferentes períodos da lingua grega son unha das súas principais características. Malia que o grego sufriu transformacións morfolóxicas e fonolóxicas comparables ás doutras linguas, dende a antigüidade clásica, a súa tradición cultural, literaria e ortográfica nunca se viu interrompida, até o punto de que se poida falar dunha nova lingua emerxente. Os falantes de grego hoxe en día aínda tenden a considerar as obras literarias do grego antigo como parte da súa propia lingua e non como unha lingua allea.[15] Tamén se adoita afirmar que os cambios históricos foron relativamente leves en comparanza con outras linguas. Segundo unha estimación, "grego homérico está probablemente máis achegado ó demótico que o inglés medio do século XII respecto do inglés moderno falado".[16]

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Pobo grego.
Distribución xeográfica do idioma grego no Imperio ruso (censo de 1897)

O grego fálano hoxe en día polo menos 13 millóns de persoas, principalmente en Grecia e Chipre, xunto cunha considerable minoría de fala grega en Albania preto da fronteira grecoalbanesa.[13] Unha porcentaxe significativa da poboación de Albania ten coñecementos de grego debido, en parte, á onda de inmigración albanesa a Grecia nos anos 80 e 90 e á comunidade grega no país. Antes da guerra greco-turca e o conseguinte intercambio de poboación en 1923, tamén existía unha gran poboación de falantes de grego en Turquía, aínda que hoxe en día quedan moi poucos.[2] Tamén hai unha pequena comunidade de fala grega en Bulgaria, preto da fronteira entre Grecia e Bulgaria. O grego tamén o fala en todo o mundo a considerable diáspora grega, que conta con importantes comunidades nos Estados Unidos, Australia, Canadá, Suráfrica, Chile, |Brasil, Arxentina, Rusia, Ucraína, Reino Unido, e en toda a Unión Europea, especialmente en Alemaña.

Historicamente, atopáronse importantes comunidades e rexións de fala grega en todo o Mediterráneo oriental, no que hoxe son Italia meridional, Turquía, Chipre, Siria, Líbano, Israel, Palestina, Exipto, e Libia; na zona do mar Negro, no que hoxe son Turquía, Bulgaria, Romanía, Ucraína, Rusia, Xeorxia, Armenia e Acerbaixán; e, en menor medida, no Mediterráneo occidental, en e ao redor de colonias gregas como Massalia, Monóikos e Mainake. Tamén se utilizou como lingua oficial do goberno e a relixión nos reinos cristiáns de Nubia, durante a maior parte da súa historia.[17]

Status oficial

[editar | editar a fonte]

O grego, na súa forma moderna, é a lingua oficial de Grecia, onde é falado por case toda a poboación.[18] Tamén é a lingua oficial de Chipre (nominalmente xunto co turco) e o Territorio Británico de Ultramar de Akrotiri e Dhekelia (xunto co inglés).[19] Debido á pertenza de Grecia e Chipre á Unión Europea, o grego é unha das 24 linguas oficiais da organización.[20] O grego é recoñecido como lingua minoritaria en Albania, e úsase cooficialmente nalgúns dos seus municipios, nos distritos de Gjirokastër e Sarandë.[21] Tamén é unha lingua minoritaria oficial nas rexións de Apulia e Calabria en Italia. No marco da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, o grego está protexido e promovido oficialmente como lingua rexional e minoritaria en Armenia, Hungría, Romanía e Ucraína.[22] Está recoñecida como lingua minoritaria e protexida en Turquía polo Tratado de Lausana de 1923.[23][24][25][26]

Características

[editar | editar a fonte]

A fonoloxía, a morfoloxía, a sintaxe e o vocabulario da lingua mostran tendencias tanto conservadoras como innovadoras ao longo de toda a historia da lingua, desde a antigüidade até a época moderna. A división en períodos convencionais é, como ocorre con todas as periodizacións, relativamente arbitraria, sobre todo porque, en todos os períodos, o grego antigo gozou dun gran prestixio e os literatos tomaron prestados moitos elementos del.

Fonoloxía

[editar | editar a fonte]
Fala en grego moderno

Ao longo da súa historia, a estrutura silábica do grego variou pouco: o grego presenta unha estrutura silábica mixta, que permite inicios silábicos complexos, pero codas moi restrinxidas. Só ten vogais orais e un conxunto bastante estable de contrastes consonánticos. Os principais cambios fonolóxicos producíronse durante o período helenístico e romano (véxase fonoloxía do grego koiné (en) para máis detalles):

desenvolvemento das oclusivas silenciosas aspiradas /pʰ/ e /tʰ/ ás fricativas /f/ e /θ/, respectivamente; o desenvolvemento similar da /kʰ/ /x/ pode ter lugar máis tarde (os cambios fonolóxicos non se reflicten na ortografía, e tanto as fonemas anteriores como os posteriores se escriben con φ, θ e χ).

  • desenvolvemento das oclusivas sonoras /b/, /d/ e /ɡ/ ás súas equivalentes fricativas sonoras /β/ (máis tarde /v/), /ð/ e /ɣ/.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

En todas as súas etapas, a morfolóxica do grego mostra un amplo conxunto produtivo de afixos derivativos, un sistema de composición limitado pero produtivo[27] e un rico sistema flexivo. Aínda que as súas categorías morfolóxicas mantivéronse bastante estables ao longo do tempo, obsérvanse cambios morfolóxicos en todo o idioma, especialmente nos sistemas nominal e verbal. O cambio máis importante na morfología nominal desde a etapa clásica foi o desuso do caso dativo (as súas funcións foron asumidas en gran medida polo xenitivo). O sistema verbal perdiu o infinitivo, o futuro formado sintéticamente, os tempos perfectos e o modo optativo. Moitos foron substituídos por formas perifrásticas (analíticas).

Substantivos e adxectivos

[editar | editar a fonte]

Os pronomes amosan distincións gramaticais na persoa (1ª, 2ª e 3ª), no número (singular, dual e plural na lingua antiga; singular e plural só en etapas posteriores), e no xénero (masculino, feminino e neutro), e declinación para o caso gramatical (desde seis casos nas formas máis antigas atestadas ata catro na lingua moderna).[n. 1] Os substantivos, os artigos e os adxectivos mostran todas as distincións agás a persoa. Tanto os adxectivos atributivos como os predicativos concordan co substantivo.

Escritura e pronunciación

[editar | editar a fonte]

O grego moderno escríbese cun alfabeto de vinte e catro letras, herdado do inicio do período arcaico (século VIII antes da nosa era). Cada letra correspondía ao principio a un son diferente (con ambigüidades, principalmente no caso das vogais), pero en grego moderno a pronunciación evolucionou, e varias letras ou grupos de letras se pronuncian da mesma maneira, cousa que fai que a súa ortografía sexa tan complexa como a do francés, por exemplo (oír unha palabra non é a miúdo suficiente para poder escribila: por exemplo, existen cinco grafías para o son «i», en razón do iotacismo). A táboa inferior dá a pronunciación das letras. O acento agudo (ou recto, segundo os tipos de letra) marca o acento tónico, en letra grosa na transcrición.

O grego moderno segue regras de sandhi tanto internes como externas. Por exemplo, un /n/ final adapta o seu punto de articulación á consoante inicial da palabra que segue (ante unha velar, pasa a [ŋ]; en posición final dalgunhas palabras gramaticais como την, τον, δεν, desaparece ante unha fricativa; sonoriza unha oclusiva xorda que o segue e pode impedir que unha sonora se espirantice, as asimilacións poden ser progresivas: τον πατέρα [tɔm ba'tεɾa]).

Letra Nome Pronunciación
Α α άλφα (alpha) /a/
Β β βήτα (vita) /v/ do francés “voiture”
Γ γ γάμμα (ghama) ante os sons /a/, /o/ e /u/ (), /ɣ/ próxima do r francés de rien pero velar e non uvular; ante os sons /i/ e /ɛ/, iode /j/ como o i de Noia.
Δ δ δέλτα (dhelta) /ð/ th inglés de «this»
Ε ε έψιλον (epsilon) /ɛ/de apertura intermedia
Ζ ζ ζήτα (zita) /z/
Η η ήτα (ita) /i/
Θ θ θήτα (thita) /θ/, th inglés de «to think»
Ι ι γιώτα (iota) /i/
Κ κ κάππα (kapa) /k/
Λ λ λάμδα (lamdha) /l/
Μ μ μυ (mi) /m/
Ν ν νυ (ni) /n/
Ξ ξ ξι (ksi) /ks/ como o x de sexo (en xeral: ξέρω /'ksɛrɔ/ «eu sei») ou /gz/ como o x de exame (tras n: δεν ξέρω = /ðɛŋg'zɛrɔ/ podendo chegar ata /ðɛg-/ = «eu non sei»)
Ο ο όμικρον (omicron) /ɔ/
Π π πι (pi) /p/
Ρ ρ ρω (ro) /ɾ/ (mono)vibrante (italiano Roma, galego cara)
Σ σ/ς σίγμα (sighma) /s/ alveolar (/z/ ante consoante sonora: σβέλτος, σμάλτο /sv-, sm-/ «esvelto, esmalte»)
Τ τ ταυ (taf) /t/
Υ υ ύψιλον (ipsilon) /i/, agás como segundo elemento de ditongo: ου pronúnciase /u/ como en “música”, αυ e ευ pronúncianse respectivamente /af/ e /ɛf/ ou /av/ e /ɛv/ (segundo que o son que siga sexa sonoro ou non: αυτό = /af'tɔ/ = «iso», αύριο = /'avriɔ/ = «mañá»)
Φ φ φι (fi) /f/
Χ χ χι (chi) /ç/: ch alemán de ich ante os sons /i/ e /ɛ/ (un iode /j/ non sonoro); /x/: ch alemán de ach ante os sons /a/ e /u/ (versión non sonora do /ɣ/)
Ψ ψ ψι (psi) /ps/ como en psicoloxía
Ω ω ωμέγα (omegha) /ɔ/

Ademais, algúns grupos de letras que forman dígrafos teñen unha pronunciación especial:

LetrasPronunciación
αιcomo ε: /ɛ/
γγ e γκ/g-/ en inicial, /-ng-/ [-ŋɡ-] noutras posicións
ει, οι, υιcomo ι, υ, η: /i/
μπ/b-, -mb-/ como en bar (que en grego se escribe μπαρ…)
ντ/d-, -nd-/ como en demo
ου/u/ como en cu
τσ/ʦ/ (africada) pero alveolar
τζ/ʣ/ (africada) pero alveolar
λι + V/ʎ/ como en galego solla

Exemplos

PalabraTranscriciónSignificado
αίμαèma‘sangue’ (pensar en «hematoma», «hematoloxía»)
καλοριφέρkalorifèr‘radiador’  :-)
είναιi‘el/ela é’ ou ‘eles/elas son’
μπαρμπάςbarbas‘tío’
εντάξηèndaksi'de acordo'

Gramática

[editar | editar a fonte]

O grego moderno é unha lingua con declinacións (como o alemán, por exemplo): a terminación das palabras cambia segundo a función da palabra na frase. Mesmo os nomes propios se declinan: por exemplo, dirase ο Φίλιππος έφυγε (o Phílippos éfiye: «Filipe marchou»), βλέπω τον Φίλιππο (vlépo ton Phílippo: «Vexo a Filipe»), είναι το σπίτι του Φίλιππου (íne to spíti tou Phílippou: «é a casa de Filipe»).

Ademais, o grego distingue dous aspectos para cada verbo, marcados cada un por unha forma distinta: unha forma continua (calcada sobre o presente) e unha forma instantánea (calcada sobre o pasado, chamado aoristo). Esta diferenza é moi viva e vólvese atopar no futuro e no subxuntivo. Un Grego non ha confundir θα τον δω (tha ton dho) e θα τον βλέπω (tha ton vlépo): os dous significan «eu vereino», pero o primeiro sobreentende «unha vez» mentres que o segundo significa «continuamente».

O grego moderno conserva moito léxico herdado do grego antigo, pero tomou prestadas tamén moitas palabras do latín, do turco, e, máis modernamente do francés e do inglés.

  1. Os catro casos que se atopan en todas as etapas do grego son o nominativo, o xenitivo, o acusativo e o vocativo. O dativo/locativo do grego antigo desapareceu a finais do período helenístico e o caso instrumental do grego micénico desapareceu no período arcaico.
Referencias
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grego.
  2. 1 2 "Greek language". Encyclopædia Britannica. Encyclopædia Britannica, Inc. Consultado o 29 de abril de 2014.
  3. 1922-, Adrados, Francisco Rodríguez (2005). A history of the Greek language : from its origins to the present. Leiden: Brill. ISBN 978-90-04-12835-4. OCLC 59712402.
  4. A history of ancient Greek por Maria Chritē, Maria Arapopoulou, Centre for the Greek Language (Thessalonikē, Grecia) páx 436 ISBN 0-521-83307-8
  5. Kurt Aland, Barbara Aland The text of the New Testament: an introduction to the critical 1995 p52
  6. Archibald Macbride Hunter Introducing the New Testament 1972 p9
  7. Manuel, Germaine Catherine (1989). A study of the preservation of the classical tradition in the education, language, and literature of the Byzantine Empire. HVD ALEPH.
  8. Renfrew 2003, p. 35; Georgiev 1981, p. 192.
  9. Gray & Atkinson 2003, pp. 437–438; Atkinson & Gray 2006, p. 102.
  10. "Ancient Tablet Found: Oldest Readable Writing in Europe". National Geographic Society. 30 de marzo de 2011. Consultado o 22 de novembro de 2013.
  11. A comprehensive overview in J.T. Hooker's Mycenaean Greece (Hooker 1976, Chapter 2: "Before the Mycenaean Age", pp. 11–33 and passim); for a different hypothesis excluding massive migrations and favoring an autochthonous scenario, see Colin Renfrew's "Problems in the General Correlation of Archaeological and Linguistic Strata in Prehistoric Greece: The Model of Autochthonous Origin" (Renfrew 1973, pp. 263–276, especially p. 267) in Bronze Age Migrations by R.A. Crossland and A. Birchall, eds. (1973).
  12. Dawkins & Halliday 1916.
  13. 1 2 "Greek". Ethnologue (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2020.
  14. Peter, Mackridge (1985). The modern Greek language : a descriptive analysis of standard modern Greek. Oxford [Oxfordshire]: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-815770-0. OCLC 11134463.
  15. Browning 1983.
  16. Alexiou 1982, p. 161.
  17. Burstein, Stanley (2 de novembro de 2020). "When Greek was an African Language". Center for Hellenic Studies. A revelación do lugar que ocupaban os elementos culturais gregos na vida destes reinos foi gradual e aínda continúa, pero xa está claro que o grego foi o idioma oficial do goberno e a relixión durante a maior parte da súa historia. ... O grego seguiu sendo o idioma oficial do cristianismo nubio até o final da súa longa e notable historia. ... Pero estes tres factores suxiren como o grego e o cristianismo puideron haberse entrelazado tan intimamente e arraigarse tanto na vida e a cultura nubias no século VII d. C. que o grego puido resistir tanto ao copto como ao árabe e sobrevivir durante case outro milenio antes de que ambos desaparecesen coa conversión de Nubia ao islam no século XVI d. C.
  18. "Greece". The World Factbook. Central Intelligence Agency. Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2021. Consultado o 12 de abril do 2025.
  19. "The Constitution of Cyprus, App. D., Part 1, Art. 3". Arquivado dende o orixinal o 7 de abril de 2012. establece que «os idiomas oficiais da República son o grego e o turco». Con todo, o status oficial do turco é só nominal na República de Chipre, dominada polos gregos; na práctica, fóra da Chipre do Norte, dominada polos turcos, o turco utilízase pouco; véxase A. Arvaniti (2006): Erasure as a Means of Maintaining Diglossia in Cyprus, San Diego Linguistics Papers 2: pp. 25–38 [27].
  20. "The EU at a Glance – Languages in the EU". Europa. European Union. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2013. Consultado o 13 de abril do 2025.
  21. Bytyçi, Enver (2022). In the Shadows of Albania-China Relations (1960–1978) (en inglés). Cambridge Scholars Publishing. p. 20. ISBN 978-1-5275-7909-5. O idioma oficial de Albania é o albanés, pero nos municipios onde residen minorías tamén se utilizan os idiomas destas minorías, incluído o grego en varios municipios de Gjirokastra e Saranda, e o macedonio nun municipio do leste do país.
  22. "List of Declarations Made with Respect to Treaty No. 148". Council of Europe. Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2020. Consultado o 13 de abril do 2025.
  23. Tsitselikis 2013, pp. 287–288.
  24. Toktaş, Şule (2006). "EU enlargement conditions and minority protection : a reflection on Turkey's non-Muslim minorities". East European Quarterly (en inglés) 40 (4). pp. 489–519. ISSN 0012-8449. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2023. Consultado o 13 de abril de 2025. Isto implica que Turquía concede o dereito á educación en linguas minoritarias unicamente ás minorías recoñecidas polo Convenio de Lausana, que son os armenios, os gregos e os xudeus.
  25. Bayır, Derya (2013). Minorities and nationalism in Turkish law. Cultural Diversity and Law. Farnham: Ashgate Publishing. pp. 89–90. ISBN 978-1-4094-7254-4. Arquivado dende o orixinal o Oct 14, 2023. Oran sinala ademais que os dereitos establecidos para as catro categorías decláranse como a «lei fundamental» do país, de modo que ningunha lexislación ou acción oficial entrará en conflito ou interferirá con estas estipulaciones nin prevalecerá sobre elas (artigo 37). [...] Segundo o Estado turco, só ao non musulmáns gregos, armenios e xudeus concedéuselles protección como minoría polo Tratado de Lausana. [...] Fóra das poboacións non musulmás, é dicir, gregos, xudeus e armenios, ningún dos dereitos lingüísticos dos demais grupos minoritarios foi protexido «de xure» polo sistema xurídico de Turquía.
  26. Questions and Answers: Freedom of Expression and Language Rights in Turkey. Nova York: Human Rights Watch. 19 de abril de 2002. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2023. O goberno turco acepta os dereitos lingüísticos das minorías xudía, grega e armenia, garantidos polo Tratado de Lausana de 1923.
  27. Ralli 2001, pp. 164–203.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Antecedentes xerais