As primeiras mostras de Dubstep foron publicadas no 2001. Tratábase de mesturas instrumentais, escuras e experimentais de producións de 2-step garage, feitas coa intención de incorporar os elementos funky do breakbeat ou os trazos máis escuros do drum and bass no propio 2-step. Estas mesturas aparecían como cara B dos sinxelos de 2-step da época. No 2001, esta e outras variedades de música garage escura comezaron a ser amosadas no club nocturno londiniense Plastic People, nas noites chamadas "Forward" (tamén estilizado como FWD>>), que serían considerablemente influentes para o desenvolvemento do dubstep. O termo "dubstep" como denominación dun xénero musical comezou a empregarse arredor do 2002 por selos discográficos como Big Apple, Ammunition e Tempa, intre no cal as tendencias estilísticas presentes nas mesturas comezaron a facerse máis remarcables e distintivas en relación ó xénero orixinal, o 2-step, así como o grime, son co que nas súas orixes o dubstep tamén gardou unha estreita relación.[3]
Un temperán seguidor do son foi o DJ da emisora BBC Radio 1, John Peel, quen comezou a programalo a partir de 2003. No 2004, o derradeiro ano do seu programa, os seus oíntes votaron a Distance, Digital Mystikz e Plastician (anteriormente coñecido como Plasticman) no seu top 50 do ano.[4] O dubstep comezou a espallarse alén dunha pequena escena local cara a finais de 2005 e comezos de 2006. Unha boa cantidade de páxinas web adicadas ó xénero comezaron a xurdir, axudando ó crecemento da escena.[5] Ó mesmo tempo, o xénero empezou a recibir unha importante cobertura en revistas musicais como The Wire e en publicacións online como Pitchfork Media, que comezou un apartado regular chamado The Month In: Grime/Dubstep. O interese no dubstep medrou dende que a DJ de BBC Radio 1 Mary Anne Hobbs comezara a promovelo cun programa adicado soamente a este son (titulado "Dubstep Warz") en xaneiro de 2006.[6][7][8]
Cara a finais da década de 2000, o xénero pasou a ter un importante éxito comercial no Reino Unido, aumentando progresivamente o número de sinxelos que entraban nas listas de éxitos de música popular. Os xornalistas e os críticos musicais tamén chamaron a atención sobre a influencia do dubstep sobre o traballo de numerosos artistas de música pop. Nesta época, os produtores comezaron a fusionar elementos do dubstep orixinal con outras influencias, creando xéneros de fusión como o máis lento e experimental post-dubstep.
12Reynolds, S.(2012),Energy Flash: A Journey Through Rave Music and Dance Culture, Perseus Books; Reprint edition (5 Jan 2012), pages511–516, (ISBN 978-1-59376-407-4).