Publicado por: garza18 | 08/07/2026

O RÍO UMIA NON É UN CIRCUÍTO PARA MOTOS DE AUGA

Cambados, 8 de xullo de 2026

Desde o Colectivo Ecoloxista do Salnés queremos expresar a nosa preocupación pola presenza recente de motos de auga navegando polo tramo final e a Foz do río Umia, un dos espazos naturais de maior valor ecolóxico de Galicia.

Queremos lembrar á cidadanía que os ríos e humidais non son lugares onde se poida navegar libremente con embarcacións a motor. A lexislación vixente establece limitacións para protexer uns ecosistemas especialmente fráxiles e de enorme importancia para a conservación da biodiversidade e tamén da calidade das augas que no río se captan para abastecer aos nosos fogares.

O Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa establece que, con carácter xeral, está prohibida a navegación a motor nos ríos, agás para actividades de salvamento, protección civil, defensa ou aquelas que conten cunha autorización expresa de Augas de Galicia.

Ademais, indica que nas zonas protexidas debe respectarse, en todo caso, o establecido na normativa específica que as regula.

No caso da Foz do Umia e da Enseada do Bao (zona entre a desembocadura e A Lanzada), esta protección vén determinada polo Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. A norma prohibe expresamente o uso de embarcacións recreativas ou deportivas en humidais lagunares e marismas, salvo autorización expresa do órgano competente en materia de conservación da natureza.

O tramo final do río Umia non é un espazo calquera. Está integrado no ZEC Ons-O Grove, formando parte da Rede Natura 2000; está declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA); e está incluído na Lista Ramsar de humidais de importancia internacional. Trátase dun enclave fundamental para numerosas especies de aves acuáticas, tanto residentes como migratorias, así como para hábitats de elevado interese ecolóxico e para unha importante actividade marisqueira tradicional.

Máis alá das obrigas legais, existen razóns ambientais de peso para evitar o uso de embarcacións a motor neste tipo de espazos.

O ruído xerado polos motores provoca molestias continuadas á fauna silvestre, especialmente ás aves que utilizan o esteiro para alimentarse, descansar ou reproducirse. As perturbacións reiteradas poden provocar o abandono de zonas de alimentación, incrementar o gasto enerxético das aves e reducir o éxito reprodutor das especies máis sensibles.

O movemento da hélice ou do sistema de propulsión tamén remexe os sedimentos do fondo, aumentando a turbidez da auga, reducindo a penetración da luz e afectando ás comunidades vexetais e aos organismos que viven asociados ao substrato.

A isto súmase o risco de vertidos accidentais de combustibles ou aceites, por pequenos que sexan, que poden deteriorar a calidade das augas, das que bebemos gran parte da poboación da comarca.

A protección do patrimonio natural require o compromiso de toda a sociedade. Por iso, desde o Colectivo Ecoloxista do Salnés solicitamos ás administracións competentes que reforcen a información e a vixilancia neste espazo natural. Ao mesmo tempo, facemos un chamamento á responsabilidade de todas as persoas usuarias do medio natural para que respecten a lexislación e comprendan que estes espazos precisan tranquilidade e protección.

A defensa do río Umia responde á obriga colectiva de conservar un dos humidais máis valiosos de Galicia para as xeracións presentes e futuras.

Asinado

Marta Lois
Presidenta do CES

Publicado por: garza18 | 11/06/2026

Cistanche un novo argumento para o ENIL de Cambados

Acabamos de observar no Saco de Fefiñáns a aparición dunha planta chamada Cistanche phelypaea, xusto neste momento do ano, que é o único no que florece e se fai visible, coas súas rechamantes flores amarelas agrupadas nunha inflorescencia en forma de espiga.
A Cistanche non é unha planta verde: non ten clorofila porque é parasita. Nin sequera amosa os seus talos, que permanecen sempre por debaixo da superficie do terreo e conectados ás raíces doutras plantas, das que obtén a saiva coa que se nutre. Só se fai visible cando florece, durante os meses de maio e xuño.
A Cistanche é especial pola súa limitada distribución en Galicia. Está ben representada no Espazo Protexido Umia-O Grove e, en xeral, nas beiras mariñas da ría de Arousa, onde alcanza o límite norte da súa distribución mundial. E é que realmente non se trata dunha planta adaptada ao clima galego. A nivel mundial está presente en zonas tropicais e mediterráneas de África e do sur do Mediterráneo. Na Península Ibérica distribúese ao longo da costa desde Valencia ata algunha localidade situada algo máis ao norte de Lisboa, tanto en zonas litorais como de interior (mesmo en Albacete). Porén, en Galicia aparece sempre ligada á costa.
Agora aparece tamén no Saco de Fefiñáns, un espazo que limita cun territorio urbano. Non se pode ver esta planta en Galicia a carón de ningún outro núcleo urbano. O privilexio de contar, xunto ao paseo marítimo urbano, cun ecosistema de ribeira tan especial e ben estruturado, con plantas propias das marxes mariñas, especies parasitas como a Cistanche e aves acuáticas cun claro apego polo lugar, é unha das razóns polas que propoñemos que toda esta ribeira urbana de Cambados sexa declarada Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
O litoral urbano de Cambados foi experimentando nos últimos anos unha mellora innegable como ecosistema, ao diminuíren os vertidos. Isto permitiu que algunhas especies vexetais, que semellaban estar agardando tempos mellores, reaparecesen e se manifestasen agora con toda a súa beleza e cor.
O Saco de Fefiñáns alberga unha variada flora de marxe mariña, formada por especies procedentes de antepasados terrestres que, ao longo da evolución, foron adaptándose a condicións difíciles, como a salinidade cambiante ou a inundación periódica polo mar. Son plantas moi esixentes nas súas preferencias ecolóxicas, que aparecen en poucos lugares e, xeralmente, en pequenas cantidades. Entre elas destaca a Cistanche, unha especie especialmente escasa.
Por iso, a aparición de Cistanche phelypaea no propio litoral de Cambados é un auténtico luxo. Constitúe un indicador da diversidade biolóxica desta ribeira e da riqueza dun ecosistema que non pode deteriorarse. Trátase dun espazo que precisa dun réxime de protección legal efectivo, plenamente compatible co marisqueo. Por iso propoñemos a declaración dun ENIL para o litoral de Cambados: para non volver atrás.

Un ano máis, o equipo de educación ambiental do CES desenvolveu o proxecto educativo “Coidemos as nosas dunas”, para poñer en valor un dos poucos enclaves de patrimonio natural que queda en Portonovo.
Durante os meses de marzo e abril o alumnado de 1º e 4º ESO do IES de Sanxenxo participou en charlas e saídas co obxectivo de tratar contidos propios da materia de Bioloxía e Xeoloxía e ao mesmo tempo poñer en valor os ecosistemas dunares en xeral e o de Baltar en particular. Así, o proxecto culminou este 7 de maio cunha actividade de ApS (aprendizaxe e servizo): unha eliminación simbólica de especies invasoras en dito ecosistema, autorizado polo Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, como esixe a normativa actual en materia de especies invasoras.


Con estas actividades tratamos tamén de contribuír a reducir o gran descoñecemento que existe, principalmente entre a poboación local, sobre o que son as dunas costeiras e o seu valor. Así, á marxe da súa altura, as dunas poden ser tanto móbiles como fixadas pola vexetación, e son estas últimas as que non son percibidas pola poboación como dunas.


Hai que recordar que os sistemas dunares albergan unha biodiversidade de especies únicas de flora e fauna, incapaces de sobrevivir noutros medios, ou nestes se están degradados, e son ecosistemas escasos, ameazados e en regresión en toda Galicia debido á presión urbanística.

No caso de Sanxenxo cabe recordar que o sistema dunar de Baltar era o de maior extensión de todo o Concello, e así foi dende hai uns 10.000 anos (data en que creen os xeólogos que se xeraron os sistemas dunares galegos actuais), ata hai uns 70 anos, onde estaba case intacto, e momento ao partir do cal a súa desaparición acelerouse, quedando actualmente menos da metade da súa superficie orixinal.


O que queda deste sistema dunar está seriamente ameazado polas especies invasoras e impropias deste medio, froito dunha mala xestión durante décadas: extracción de area, recheos, e rozas continuadas que contribúen á súa propagación. Este espazo está a ser xestionado como un xardín, cando é un espazo natural.


Por iso dende hai como mínimo tres décadas levamos tamén solicitando dende o CES a súa restauración ambiental, que pasaría por eliminar especies invasoras de raíz, verter area e replantar con especies dunares. Iso aumentaría o valor paisaxístico do lugar e desaparecería a “necesidade” das rozas.


Xa hai uns sete anos que o Concello se comprometeu á rexeneración integral e encargou un proxecto, (incluíndo renovación da pasarela), que non se da materializado. Agora o Concello anuncia a renovación da pasarela pero esquece a rexeneración que levaba aparellada, semellando que quere deixar que dito ecosistema sexa pasto das rozas e das invasoras. Motivo polo cal solicitaremos unha reunión cos rexedores locais.


Cabe recordar que existen liñas de subvencións e unha Lei europea da Restauración da Natureza. Cando a tendencia nos núcleos urbanos e zonas periurbanas de toda Europa é a de levar a cabo proxectos de naturalización urbana con especies autóctonas e silvestres, aquí aínda se segue coa idea de que o progreso é asfalto, cemento, e xardíns con especies exóticas, e non se dedica nin un euro á conservación e mellora do pouco que nos queda de natureza en Portonovo.

Cambados, 3 de maio de 2026
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) vén de presentar hoxe domingo as alegacións ante o Servizo de Litoral de Pontevedra da Xunta de Galicia no marco da solicitude de concesión para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) asociado ao proxecto de mellora do saneamento en Vilanova de Arousa e Cambados.


Valoramos positivamente que se impulsen solucións técnicas para corrixir os problemas derivados da antigüidade do actual sistema de saneamento, que leva anos xerando episodios de contaminación na comarca. Non obstante, advirte de que o proxecto presentado non se adapta aos principios de protección do litoral, especialmente nun contexto de cambio climático e regresión da costa.


Entre as principais cuestións das alegacións, o CES cuestiona a elección da alternativa que mantén o colector de alivio do futuro tanque de tormentas dentro do dominio público marítimo-terrestre. Esta opción foi seleccionada a pesar da existencia de alternativas fóra deste ámbito, e sen que se xustifique tecnicamente a inviabilidade destas opcións menos lesivas. Neste sentido, reclamamos que se desenvolva con maior detalle a alternativa que discorre máis lonxe da costa,pola zona de servidume de tránsito, en paralelo ao novo conduto principal.


Outro dos puntos clave das alegacións refírese á pavimentación de dous tramos do camiño litoral vinculada á execución da obra. O CES considera que esta actuación carece de xustificación e non responde a unha necesidade real para garantir o tránsito público. Non é preciso cementar a costa para instalar un tubo, semella que buscan trampear a Lei de Costas para conseguir a concesión do uso do litoral. Ademais, entendemos que supón unha transformación innecesaria e irreversible dun tramo de costa que aínda mantén a súa naturalidade (e que habería que promover), en contra dos principios de mínima intervención e proporcionalidade recollidos na Lei de Costas.


Subliñamos que a normativa vixente establece que as actuacións no litoral deben minimizar o seu impacto e preservar o carácter natural destes espazos. Por iso, propón que se valoren alternativas menos agresivas, como o mantemento do camiño en terra compactada ou o uso de materiais permeables, que permitan compatibilizar o tránsito co respecto ambiental.


Dende o CES solicitamos que se teñan en conta as alegacións presentadas, que se esixa un estudo detallado das alternativas ao trazado proposto e que se analice de forma independente a necesidade da pavimentación. Así mesmo, solicitamos que se denegue esta última actuación por non cumprir cos requisitos legais, ou subsidiariamente, que se substitúa por solucións de menor impacto.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés insiste na necesidade de que as administracións públicas adopten decisións responsables e con visión de futuro, garantindo unha correcta xestión dos fondos públicos e a protección efectiva do litoral.

O domingo 19 de abril, máis de 100 persoas participaron no roteiro xeolóxico pola contorna da Lanzada organizado polo Colectivo Ecoloxista do Salnés e guiado por Víctor Caamaño. Nunha xornada soleada que facilitou o percorrido, analizouse a dinámica litoral da costa e visitamos unha praia fósil. A actividade permitiu comprender a xeomorfoloxía local sobre o terreo, caracterizada pola constante erosión mariña sobre os complexos metamórficos e graníticos propios deste tramo costeiro. A continuación, achegamos un rexistro fotográfico que documenta a saída.

PARA DECLARAR UN ENIL NA COSTA DE CAMBADOS

O Colectivo Ecoloxista do Salnés e a Sociedade Española de Ornitología (SEO/BirdLife) vimos de presentar aos grupos políticos do Concello de Cambados e aos representantes da confraría de pescadores e Asociación de mariscadoras, unha proposta para declarar como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) unha área costeira de alto valor ambiental situada na ría.


A proposta atinxe ao concello de Cambados e abrangue a zona intermareal do Estanque da Seca, o Saco de Fefiñáns e a Ribeira de Fefiñáns ata a Torre de San Sadurniño, así como pequenas masas forestais próximas. En conxunto, trátase dun ámbito de arredor de 91 hectáreas que forma parte do funcionamento ecolóxico da ría de Arousa e que presenta importantes valores naturais, paisaxísticos e patrimoniais.


Segundo as entidades promotoras, este espazo constitúe un ecosistema costeiro de gran riqueza biolóxica. Nos seus fondos intermareais existen sedimentos areoso-lamacentos con elevada produtividade, praderías mariñas de Zostera e comunidades vexetais halófitas características das zonas húmidas costeiras. Estes hábitats sustentan unha importante diversidade de invertebrados e especies marisqueiras.


Ademais, a zona destaca polos seus valores ornitolóxicos, ao funcionar como área de alimentación, descanso e paso migratorio para numerosas aves acuáticas e limícolas. Entre as especies observadas figuran garzas, ánades, pilros, mazaricos ou o cullereiro común, convertendo este enclave nun punto relevante dentro do sistema de humidais da ría de Arousa.
O ámbito proposto sitúase xunto a espazos incluídos na Rede Natura 2000, como o Complexo intermareal Umia–O Grove, e forma parte da área internacionalmente recoñecida como IBA ES003 Ría de Arousa–Corrubedo, considerada clave para a conservación das aves e da biodiversidade.

As organizacións promotoras subliñamos que a declaración dun ENIL permitiría protexer estes hábitats fráxiles e reforzar a conectividade ecolóxica da ría, ao tempo que se compatibilizaría a conservación da natureza cos usos tradicionais como o marisqueo, a educación ambiental ou o lecer responsable.

A proposta tamén destaca o valor cultural e histórico do espazo, onde se localizan elementos patrimoniais singulares como o Muíño da Seca, antigos viveiros de marisco, o porto histórico de Cambados e a Torre de San Sadurniño, símbolos da relación histórica da vila co mar.


O Colectivo Ecoloxista do Salnés e SEO/BirdLife consideramos que a declaración deste
ámbito como ENIL sería un paso importante para conservar o patrimonio natural e cultural de Cambados, reforzando ao mesmo tempo o compromiso local coa protección da biodiversidade e co desenvolvemento sustentable do territorio e os oficios tradicionais como é o marisqueo.
Marta Lois

Publicado por: garza18 | 28/02/2026

TARUGOTÓN EN VILANOVA — ESTE SÁBADO! 🫵🏻

Este sábado 28, de 17:00 a 19:00 h, xuntámonos na praia do Castelete (Vilanova, xunto á ponte da Illa) para unha gran acción colectiva pola saúde da nosa ría.

Imos localizar e recoller paus de batea e outros residuos mariños que se acumulan na costa e que están a degradar o noso litoral. Ademais, clasificaremos o lixo seguindo o Protocolo OSPAR para trasladar os datos á Consellería do Mar e ao Ministerio de Medio Ambiente, visibilizando o que está a acontecer nos nosos mares.

O CES participa nesta iniciativa dentro da campaña galega impulsada por ADEGA, LimpaRousa, Proxecto aMARte e Surfrider, coa colaboración da Confraría de Vilanova.

💬 Como sumarte

  • Actividade aberta e gratuíta.
  • Trae roupa e calzado axeitado para camiñar pola costa.
  • O CES facilitará luvas e bolsas.

📍 Punto de encontro: aparcamento da gasolineira CEPSA, antes da ponte á Illa de Arousa.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade de Historia Natural de Galicia, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo de Anelamento Anduriña alegaron en contra da declaración como proxecto de interese autonómico da ampliación da autovía da Lanzada.

Nun escrito conxunto presentado esta semana fixemos 6 alegacións baseadas tanto no contido do proxecto como nas formas administrativas que a Xunta está a mostrar neste paso da tramitación.

O 9 de xaneiro anunciouse no DOG o Acordo do Consello da Xunta para a Declaración “Proxecto de Interese Autonómico (PIA)” da ampliación da Autovía do Salnés VG-4.1 e da PO-308, comezando así a tramitación de dita declaración. Dábase un prazo dun mes para a presentación de recursos a este acordo. Dentro do prazo o Colectivo Ecoloxista do Salnés xunto cosas asociacións arriba mencionadas presentamos 6 alegacións. O noso desacordo foi formulado en torno a tres eixos: á xustificación do proxecto en xeral, aos actuacións propostas pola Xunta e á inadecuada tramitación do proxecto por parte da Xunta.


Con respecto á xustificación da ampliación da VG4.1 e PO308, non o vemos fundamentada cun pensamento de futuro. O fomento do modelo de mobilidade en vehículo privado é un modelo caduco. Os nosos gobernantes deben proporcionarnos benestar, e a loita contra o cambio climático é crucial neste ámbito. Unha mobilidade máis ecolóxica, de calidade e máis barata é posible, so hai que impulsala, que crer nela. Os 40 millóns deste proxecto virían de perlas para por en marcha e impulsar o transporte público de calidade na comarca do Salnés.


Con respecto aos detalles das actuacións propostas pola Xunta, mostramos o noso desacordo non só coa ampliación a 3 ou 4 carrís da VG 4.1 entre Sanxenxo e a praia da Lanzada, se non tamén ás ampliacións da estrada PO308 e PO550 nos tramos que transcorren polo propio sistema dunar do istmo da Lanzada, por que vai supor transformar en asfalto parte das dunas de gran valor biolóxico.

As medidas compensatorias que se propoñen na memoria son irrisorias en comparación ao impacto de soterrar un hábitat protexido como son as dunas fixas que hai no istmo. Chegan a propoñer a retirada de piñeiros de repoboación nunha zona dunar na ladeira próxima ao istmo para recuperala ambientalmente, pero curiosamente nesa zona hai antigas canteiras e na que apenas medran piñeiros, sendo estes o menor dos seus males (é unha zona esnaquizada polas canteiras abandonadas, plantas invasoras, pisoteo…). Resulta revelador que a Consellería de Medio ambiente apenas inverta na restauración e conservación da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Umia-O Grove, que engloba a zona da Lanzada, e que o único que reciba este lugar da Xunta é unha esmola da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a cambio de cementar parte das súas dunas.

Ademais a tramitación comeza con mal pe. O texto sometido a información pública define con precisión unha infraestrutura viaria concreta, identifica o trazado específico, determina a tipoloxía das actuacións e fixa un ámbito territorial perfectamente delimitado. É dicir, a declaración non fai unha descrición abstracta e tipolóxica, compatible coa posterior análise ambiental e coa avaliación de alternativas, senón que aproba anticipadamente unha solución técnica pechada. Isto contradí a Lei de Ordenamento do Territorio, onde se describe o procedemento para a declaración dos PIA, e que indica que na fase de Acordo dos PIA non se pode especificar os detalles do proxecto xa que estes virán posteriormente tras a análise realizada ao longo da tramitación da avaliación ambiental.

A través da avaliación ambiental se diagnostica a situación, se propoñen alternativas, que se bareman e se poñen a exposición pública. A Xunta non obstante, na presentación deste acordo, xa mostrou con gran luxo de detalles as obras que queren facer. As asociacións alegantes consideramos que isto vicia todo a tramitación posterior do proxecto e vai converter a Avaliación ambiental en papel mollado, como por outra parte xa estamos tristemente acostumados, pero non se debería facer con tanto descaro como neste caso, no que a Xunta está a poñer o carro antes que os bois.


Por todo isto, polas leis que incumpren (Directiva Hábitats, de Aves, a lei de Avaliación Ambiental, a de Ordenación do territorio…) esiximos á Xunta que anule este Acordo da declaración do PIA. Ademais estamos a valorar a presentación nos xulgados dun contencioso administrativo contra a Xunta no caso de que non rectifique.


A Xunta e a sociedade debemos sopesar os efectos negativos que tería esta ampliación do asfalto a costa da nosa natureza e buscar un xeito máis intelixente, ponderado e económico de atallar este problema, moi puntual, dos atascos na zona.

Podes consultar o documento completo de alegacións aquí:

O río Tabueiros ou Coucón, no seu último tramo antes de desembocar no río Umia, discorre pegado a unha pista nunha lonxitude de 800 metros (https://maps.app.goo.gl/a7sqGdEtdRWeq9sr5). O talude entre a pista e o río, no bordo que pertence a Sisán (talude dereito, río abaixo), estase a desmoronar e a desaparecer nalgún tramo, chegando a arrincar anacos da pista. Hai un anaco de pista derrubado desde hai varios anos e tamén varios puntos onde o río está xa no bordo da pista, sen talude. Esta erosión do río está a afectar á marxe de Sisán, especialmente con estas chuvias do inverno.


Hai algúns factores que veñen contribuíndo a este problema:

Varias veces ao ano rózase toda a vexetación que medra no talude, contribuíndo este feito ao derrubamento do noiro, xa que non se chega a fixar a vexetación arbustiva ou arbórea que é a que, coas súas raíces, podería reter a terra e evitar a erosión do río. Como consecuencia destes derrubamentos xérase un risco para a circulación de vehículos nesta pista, que esixe actuacións urxentes.

Ademais, o río Tabueiros hai anos bifurcábase no inicio deste tramo da pista (no sur), desviando parte da auga por unha canle paralela á principal para dar servizo a un muíño situado xa na estrada onde remata a pista. Esta canle quedou cegada estes últimos anos polos recheos nas fincas e, como consecuencia, perdeuse o alivio de parte do caudal do río.

Por todo isto, desde o Colectivo Ecoloxista do Salnés suxerimos facer:

• O retranqueo da pista (“B” no esquema) uns metros cara ao leste para reconstruír o talude do lado de Sisán, con menos pendente.
• A plantación neste talude de vexetación fixadora, arbórea ou arbustiva, respectando e asegurando os pasos de servizo que atravesan o río cara ás fincas da marxe de Castrelo.
• Facer unha senda peonil (“A” no esquema) entre o río e a pista que garanta a seguridade viaria dos paseantes que, estes últimos anos, transitan con frecuencia pola pista.
• Rehabilitar a canle paralela que leva auga ao muíño.



Esta proposta foi enviada a Augas de Galicia e ao Concello de Ribadumia coa esperanza de que teña acollida e interveñan no arranxo da pista, pero dunha maneira respectuosa e beneficiosa co rego, creando un espazo de paso e desfrute seguro para a veciñanza.

Publicado por: garza18 | 03/02/2026

O REGO DE BIZOCAS ALTERADO POLA OBRAS DA ÁREA DEPORTIVA

Estanse a realizar obras para instalar unha área deportiva no lugar de Bizocas (O Grove), un proxecto ao que en 2023 o CES presentou alegacións, mostrando a súa preocupación pola posible afectación ao rego de Bizocas, que linda coa finca na que se está a intervir. Esas preocupacións que tivemos á hora de ler o proxecto agora fanse realidade. Calquera persoa que se achegue á zona pode comprobar como as augas do rego baixan turbias e a vexetación das beiras do regato está completamente esnaquizada.



Na documentación presentada en 2023 polo Concello do Grove aparecía, erroneamente, que o regato de Bizocas transcorría por unha parcela limítrofe e que, polo tanto, as obras pouco ou nada lle ían afectar. Con esa premisa errónea, e sen facer caso das alegacións do CES, comezaron as actuais obras.

O CES acaba de enviarlle a Augas de Galicia e ao Concello do Grove un escrito no cal se denuncian os efectos negativos que están a ter as obras sobre o medio fluvial do regato. Pero tamén se lles solicita que, xa que non previron uns efectos a todas luces previsibles, agora lles poñan remedio. Pídese que se corrixan as malas prácticas que se están a levar a cabo na obra con respecto ao impacto negativo sobre o leito.

Así, apórtanse ideas de mellora como crear unha franxa de seguridade nas beiras do regato pola que non debería pasar maquinaria, para evitar a compactación do solo, e na que se debería plantar herbas autóctonas de rápido crecemento para evitar a erosión das terras pola chuvia cara á auga do río. Tamén se propón colocar estruturas vexetais (fitas con fentos, por exemplo) ao longo do regato para frear a velocidade da auga e favorecer a sedimentación, xa que a vexetación natural, que xa realizaba ese traballo, está case desaparecida das beiras.

Todas as medidas propostas van na dirección de reducir a turbidez da auga, que afecta negativamente á flora (impide a entrada de luz na auga) e á fauna (obstrúe as branquias dos vertebrados e invertebrados acuáticos). Este efecto tan negativo para a flora e a fauna do regato, previsible e evitable, non se previu nin se evitou.

Older Posts »

Categorías

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos